|
Estudiar Belas Artes levou ó lucense Alejandro Carro (1964) ata Bilbao e alí se fixo artista, especializándose en pintura e escultura.
Co paso do tempo, o seu facer, xa como profesional, levaríao a practicar basicamente a pintura e, desde ela, moi axiña buscou un camiño propio que fixo, ata a data, sobre todo a base de reflexión estética laborando sobre o soporte plano habitual de quen pinta e rastrexando nesa erma planitude inicial algo que ben pode ser parte da propia existencia, xa como experiencia vital, xa como sapiencia.
En todo caso, evocar é unha forza motriz que dinamiza a Alejandro Carro como pintor. E a evocación require mirar cara atrás e leva consigo descubrir, neste caso, algo que esteticamente, poida ter interese.
Desde que rematou os seus estudios en Bilbao, alá por 1990, o Lugo natal deste pintor volve se-lo escenario das súas vivencias cotiás. Empeza así, na súa propia terra, o seu particular camiño de artista.
Entón, a súa formación e experiencia fanlle valora-las posibilidades intrínsecas das dúas grandes vías polas que discorreu o quefacer dos pintores nas últimas décadas: tanto o que achegou ó século XX a abstracción como a posición figurativa poden ser, por qué non, un patrimonio común desde o que cabe reflexionar cando un pintor novo quere comezar, polas datas en que se inicia Carro, un camiño propio.
Cabe recordar que, co paso do tempo, no século XX, o que, en principio, se entenderon como posicións antagónicas, mantidas por artistas de actitude notoriamente contrastable, deixou de ter tal carácter para se converter en opcións mesmo compatibles. Deste modo, esa abstracción que se formulara, inicialmente, como alternativa a un camiño que algúns consideraron caduco, remataría por ser unha posibilidade de dicción -iso si, inquietante e novidosa- compatible cos camiños tradicionais e multiseculares da figuración.
Alejandro Carro e un deses artistas galegos que nacen á pintura na última década do século XX que tratan como complementarias a vía abstraccionista e a figurativa. Podese dicir que o que hai de abstraccion na sua obra e o punto de partida, o encadramento, aquilo que e marco vital no que nacen seres e obxectos para a sua pintura. A abstracción, ou a non figuración, e na súa obra o tempo e, se se quere, a lugar mesmo da memoria.
Deste modo, nese campo pictórico no que poden confluir tempos distintos, con diferentes niveis e intereses de percepción, localizanse elementos figurativos alusivas a eses momentos e seres significativos que son identificados e dados a coñecer polo pintor.
Co paso dos anos este modo de traballar no que se inscribe a pintura de Alejandro Carro foi ganando en complexidade, facendo, pouco a pouco, o seu discurso moito máis matizado e rico. Asi, o que en principio eran, hai xa uns anos, cadros bastante simples nos que se desenvolvía fundamentalmente un asunto moi concreto, terminaron por ser pinturas nas que se acumula a información ben variada. Pero chegados a este extremo, quizais caiba facernos unha pregunta a fío do pincontexto de espacio-tempo que ambienta o conxunto do cadro en clave non figurativa obxectos arrincados da memoria que, nalgunhas ocasións, se acomodan en canto a forma o que convencionalmente entendemos como bodegón.
Se hai xa doce anos que iniciou publicamente a súa traxectoria de artista, trala debida etapa formativa, agora Carro configurou xa unha linguaxe totalmente propia. Os seus "fondos" abstraccionistas estan concibidos dunha forma ben moderna nas suas texturas e valores cromáticos; tamen, no que de xestual haí neles. A "figuración" ten un carácter vario, tanto polo que nos mostra como por como se amosa: desde formas fidedignas a outras mais ben esquemáticas están , para seren valoradas por un espectador que chega, mesmo, a aprecia-la realidade da busca dos seus motivos por parte do pintor. Que o "fondo" sexa, as veces, unha especie de veo que, a modo precisamente de veladura, tende a atenua-la visión dos temas e claramente indicativo dese interese que Carro parece querernos transmitir de que o cadro e algo que hai que descubrir, que compre desvelar.
E a súa profesión -parece dicirnos tamén- non e outra que a de ser unha especie de visionario do día a día -vivido e aprendido- que pertence a un onte (o seu onte pero, a fin e ó cabo, común co dos demais). A pintura dalle forma -ese e ó seu sentido- ó corpo e á alma desas visións, reencarnándoas e ambientándoas pictóricamente.
Conclúo: Alejandro Carro, aínda novo, e xa un pintor maduro. Éo porque ó seu camiño o levou a uns resultados suficientemente sólidos como para poder indagar nun mundo propio durante un tempo longo; isto e posible porque fixo da experiencia, a súa experiencia, método. Un método que, unido ó seu bo facer, parece garantir un fructífero futuro para este pintor.
---------------
Nacido en Lugo, 1964 1990 - Finaliza estudios na U.P.V. Facultade de Belas Artes de Bilbao, nas especialidades de pintura e escultura. - Foi profesor en diferentes Escolas de Arte de Galicia, como a EAOA Antonio Faílde. de Ourense, e a EAOA Pablo Picasso, da Coruña. - Actualmente é profesor na Escola de Arte Ramón Falcón. de Lugo.
EXPOSICIÓNS INDIVIDUAIS 1991 - Deputación Provincial de Lugo. 1992 - Exposición "Memoria e transformación" (escultura), Sala Nasa Galizoo. Santiago de Compostela. 1997 - Galería Clérigos, Lugo. Galería Bacelos, Vigo. 1999 - Casa de Galicia, Madrid. Galería Alameda, Vigo. Galería Clérigos, Lugo. 2000 - Facultade de Socioloxía, Universidade da Coruña. Galería Sargadelos, Ferrol. Club Financiero Atlántico, A Coruña. Caja España, Valladolid. Galería Paloma Pintos, Santiago de Compostela. 2001 - Caja España, Zamora. Palencia. León. Escuela de Arte, Granada. Sala Arco de Santa María, Centro Cultural Histórico Artístico, Ayuntamiento de Burgos. 2002 Ateneo Ferrolán, Ferrol. Galería Arte Imagen, A Coruña. Palacio de la Audiencia, Soria. Museo Provincial de Lugo.
EXPOSICIÓNS COLECTIVAS 1988 - Seleccionado pola Facultade de Belas Artes de Bilbao para representala na I Bienal de Artes Plásticas de Facultades de BBAA de España. 1990 - VI Certame de Artes Plásticas "Xuventude 90". Patrocinado pola Consellería de Cultura, Xunta de Galicia. Recibe o terceiro premio na sección de pintura. 1993 - I Certame de Artes Plásticas "Cidade de Lugo", celebrado no Museo Provincial de Lugo. Recibe o premio na sección de pintura. 1996 - Exposición de obra gráfica e de pequeno formato. Galería Clérigos. Lugo. 1997 - III Foro Atlántico de Arte Contemporánea, A Coruña. Galería Alameda, Vigo. Galería Clérigos, Lugo. 1998 - Exposición de pintura na sede de Japan Airlines do aeroporto John F. Kennedy. Comisariada pola King's Fine Arts, Nova York. Feira Internacional de Arte Contemporánea "Mac 21", Marbella. Galería Clérigos, Lugo. Exposición "Punto emerxente: Artistas Galegos Contemporáneos", QCC. ART GALLERY. Universidade de Nova York. II Exposición Pintores Lucenses. Círculo das Artes. Lugo. 1999 - Exposición Fondos Artísticos da Casa de Galicia en Madrid. Pintura (I). VII Certame de pintura Caja Sur-Casa de Galicia "Maestro Mateo", Córdoba. Exposición "Artistas Galegos Contemporáneos". TVG Santiago de Compostela. 2000 VIII Certame Nacional de Pintura Caja Sur-Casa de Galicia "Maestro Mateo". Córdoba. Accésit. III Salón de Outono de Pintura Real Academia Galega de Belas Artes da Nosa Señora do Rosario. A Coruña. Premio Nacional de Pintura Caja Castilla-La Mancha 2000. Adquisición. XVII Certame de Pintura Concello de Cambre. A Coruña. XXV Premio Nacional de Pintura "Enrique Ginestal". Exposición "20x20". Galería Paloma Pintos. Santiago de Compostela. 2001 Premios Mujer y Sociedad, Ayuntamiento de Madrid. Centro Cultural Conde Duque, Madrid. VII Mostra Unión Fenosa, Estación marítima, A Coruña. Exposición "Artistas Galegos con Solidariedade Internacional". Fundación Granell. Santiago. I Premio Auditorio de Galicia. Santiago. VII Certame de Artes Plásticas "Isaac Diaz Pardo". Deputación da Coruña. Exposición "Expresión e Figuración". Club Financiero Atlántico. A Coruña. Galeria Xeito. Madrid. Exposición "Formato minimo". Galeria Paloma Pintos. Santiago de Compostela.
OBRA EN: Deputación da Coruña Deputación Provincial de Lugo Concello de Lugo Xunta de Galicia Casa de Galicia en Madrid Museo Provincial de Lugo Universidade de Nova York Universidade da Coruña Escuela de Arte de Granada Subdelegación do Goberno en Guipúscoa Colección Caixavigo Colección Caja Castilla-La Mancha Club Financiero Atlántico Colexio de Avogados de Santiago de Compostela Galería Clérigos Galería Alameda Galería Sargadelos Galería Paloma Pintos Galería Arte Imagen Grupo Voz Ateneo Ferrolán Ayuntamiento de Burgos
|
 |
|